Wednesday 01 de May de 2024

O proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios inicia a fase formativa


Proseguindo no eido da implantación do proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios posto en marcha pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, da cal é titular Charo Varela (Nós Pobra), neste mes de novembro terán lugar dúas charlas formativas que, baixo o nome A planificación na horta agroecolóxica, serán impartidas por Conchi Docampo, do proxecto Burbullas de Sol (San Mamede-Vedra). A primeira será no día 17 e a segunda terá lugar no día 24. Ámbolos coloquios transcorrerán na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal, ás 19.00 horas. As persoas interesadas en asistir deberanse anotar a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou do enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal.

Entre os obxectivos do proxecto atópanse poñer en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible. Neste senso, para achegar eses produtos ao mercado dun xeito sinxelo estará á disposición das persoas produtoras a páxina web DEANshop coa finalidade de que poidan vender directamente os seus excedentes.